Retratos de muller. Música no Claustro 22

25 de agosto de 2023 Catedral de Santa María de Tui

Gravación audiovisual financiada cos fondos Next Generation da Unión Europea a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, do concerto celebrado no claustro medieval da Catedral de Tui o 1 de agosto de 2022 coa colaboración do Concello de Tui, a través da súa Concellaría de Cultura e Ensino, e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

00:00 SAMUEL DIZ: Retratos de muller

00:36 ROSITA GARCÍA ASCOT: Canción de berce

01:51 ROSITA GARCÍA ASCOT: Española

11:15 EMILIANA DE ZUBELDIA: Euskal kapritxoa

16:19 EMILIANA DE ZUBELDIA: Euskal paisaia

25:15 MARÍA TERESA PRIETO: Escena de nenos

29:24 ELENA ROMERO: Tres de xuño, nocturno

39:10 GLORIA RODRÍGUEZ GIL: Shalom Aleichem

Video: Gus Abreu

Son: Suso Ramallo

O intérprete e investigador Samuel Diz (Tui, 1986) abre a 16ª edición de Música no Claustro cun concerto de guitarra conformado por obras de compositoras coetáneas a Sonia Delaunay (1885-1979), artista de orixe ucraína que atopou refuxio en Valença do Minho durante a Primeira Guerra Mundial. “Retratos de muller” reflexiona sobre o relato patriarcal da historiografía musical, sobre os éxodos do século XX dende unha perspectiva de xénero, ou sobre os retos e particularidades da recuperación deste repertorio asinado por compositoras como a asturiana María Teresa Prieto (1896-1982), a navarra Emiliana de Zubeldia (1888-1987), ou as madrileñas Rosita García Ascot (1902-2002) e Elena Romero (1907-1996). Un conxunto de obras e compositoras que Samuel Diz ten interpretado en concerto no Centro Niemeyer, no Museo de Belas Artes da Coruña, no Festival Internacional de Música de La Mancha ou no Festival Spanien an der Donau de Regensburg (Alemaña), ao que se suma a súa divulgación científica no artigo “A transformación artística de Rosita García Ascot no seu exilio mexicano (1939-1965)” na revista Migraciones & Exilios da AEMIC, ou como profesor do seminario “Salirse del camino: creadoras del exilio republicano español” da UIMP e o CSIC. Os inicios musicais de Samuel Diz sitúanse no seu Tui natal, onde estudou con Gabriel Silvera e con Tomás Camacho, para continuar a súa formación cos concertistas Alen Garagic, Daekun Jang ou coa guitarrista francesa Gaëlle Solal, con quen finalizou a súa carreira no Conservatorio Superior de Música de Sevilla. Posgrao en Xestión de Empresas da Industria Musical na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e mestrado en Patrimonio Cultural e Museoloxía na Universidade Internacional de Valencia, Samuel Diz compaxina o fomento do festival Música no Claustro cunha carreira artística e de investigación en emblemáticos escenarios como o Palau da Música Catalana ou a Fundación Juan March, e internacionalmente no Harare International Festival of the Arts de Zimbabwe, no Museo de Arte Moderno de México ou nas universidades de Cork (Irlanda) ou Boston e Yale nos Estados Unidos. Xunto aos seus traballos discográficos sobre á música na Xeración do 27’, entre o que destaca o disco “Memoria de la Melancolía” gravado coa guitarra orixinal de Federico García Lorca, recentemente rexistrou a obra de Gloria Rodríguez Gil (Vigo, 1972) no proxecto audiovisual “Músicas inéditas en Casas literarias” na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña.